Illa de San Simón

Riqueza Histórica

enseada que dá nome a esta illa está cargada de historia e posúe unhas peculiaridades moi características; nela sobresae a lingua de area que dende a praia parece unirse coa illa, pero que finalmente non chega a facelo.

Esta illa estivo ocupada polos templarios nos séculos XII e XIII ata o 1730, ano no que debido a excomuñón e disolución desta orde dóase nun primeiro momento á Coroa de Aragón, que a cede ao Bispado de Tui en agradecemento á súa fidelidade. 

Neses últimos séculos da idade media realízanse numerosas romarías na illa. Debido á gran sona que estas tiñan, trobadores como Martín Códax, Xohán de Cangas ou Mendinho quixeron deixar testemuño nas súas composicións. Neste contexto enmárcase a coñecida cantiga do trobador Mendinho ambientada na illa de San Simón.

Sedia-m’ eu na ermida de San Simión
e cercaron-mi-as ondas que grandes son.
Eu atendend’ o meu amigu’! E verrá? 

 

Grazas ás súas achegas a súa presenza faise visible na illa, onde hai varios exemplos cos seus bustos e esculturas.

A idade moderna na illa de San Simón comeza cunha batalla no contexto das revoltas irmandiñas, que se salda coa ferida de gravidade de don Fernando Andrade, representante de Soutomaior. Nos anos posteriores combinarase a ocupación relixiosa da illa con períodos de abandono e asaltos e saqueos da illa por parte dos piratas británicos comandados por Sir Francis Drake. 

En 1702, no marco da Guerra de Sucesión, prodúcese un dos episodios históricos de maior relevancia da zona: a Batalla de Rande. Neste escenario enfrontáronse as tropas anglo-holandesas ás hispano-francesas, do que saíron vitoriosas as primeiras. Tras a batalla saquean toda a costa e incendian o mosteiro de San Simón,  que despois dunha reconstrución volve ser destruído, ata que finalmente é abandonado en 1719, tras outro ataque inglés. 

A partir deste momento xorden as lendas dos tesouros dos galeóns afundidos que Jules Verne relatou nunha das pasaxes do seu libro Vinte mil leguas de viaxe submarina.

Despois de case un século de abandono, e debido ás epidemias de cólera, en 1841 instálase na illa o que sería coñecido como Lazareto de San Simón, polo que tiñan que pasar os navegantes procedentes doutros países europeos. As obras de rehabilitación da illa, durante as cales se configura a súa imaxe actual, correron a cargo do comerciante rioxano Norberto Velázquez Moreno, e daquela construíronse a muralla e a ponte que une San Simón e Santo Antón.

O lazareto resultou fundamental na evolución da ría de Vigo, xa que os barcos tiñan que chegar a el, e propiciou a expansión do porto e da cidade de Vigo.

O lazareto clausúrase en 1927 e coa chegada da Guerra Civil convértese en cárcere. Entre 1939 e 1944 residiron preto de seis mil presos do bando republicano procedentes de zonas próximas, aínda que tamén chegaron doutras partes do estado coma o País Vasco. A illa reunía as características necesarias para converterse nun espazo de illamento político: o maior campo de concentración de Galicia. Aínda hoxe en Redondela quedan testemuñas da súa reclusión nos penais da illa.

 A partir de 1948 o réxime da ditadura decide situar na illa un albergue nacional, residencia de verán para os membros da Garda de Franco. No ano 1950 un accidente marítimo acabou co afogamento de corenta e tres membros desa garda tras afundirse a súa embarcación “Monchita” (unha especie de xustiza poética). Isto precipitou o peche da illa, que tan só se volvería empregar entre 1955 e 1963 como Fogar Méndez Núñez para a formación de orfos mariñeiros.

Co seu peche, as illas de San Simón e Santo Antón sufrirán un período de decadencia e ruína ata 1997, ano no que a Xunta de Galicia executa a súa remodelación e rehabilitación, e ábreas ao público. Deste xeito comeza o recoñecemento da súa historia e do seu valor como Ben de Interese Cultural, destinado a converterse nun centro de recuperación da Memoria Histórica, con varios edificios que inclúen un centro de documentación e unha biblioteca.

 

 Voltar ao Menú