Rande

Herdeiro de Batallas

A Ponte de Rande é un gran viaduto atirantado que une as marxes do Estreito de Rande na Ría de Vigo, entre Cabanas (Rande) e Punta do Aradoiro (Domaio). Foi proxectado polo enxeñeiro italiano Fabrizio de Miranda, o español Florencio del Pozo (que tamén se encargou da cimentación) e por Alfredo Passaro. Os traballos de construción iniciáronse en decembro de 1973, e entre agosto e setembro de 1977 a ponte estaba practicamente finalizada. Porén, a súa inauguración non tivo lugar até o 7 de febreiro de 1981.

Tan excepcional obra resolveuse coa construción dunha ponte atirantada con catro direccións e suspendida sobre dous piares. A súas fundacións van sobre dúas zapatas centrais, catro laterais e 192 pilotes. O taboleiro metálico, a 50 m da superficie do mar, leva 80 tirantes de suxeición.

Dende o punto de vista técnico Rande supuxo unha conquista para os enxeñeiros españois, por ser a primeira ponte en Europa onde se empregou cimentación directa; os tirantes permiten a verificación de tensións e a substitución deles en calquera momento. O material empregado foi o formigón armado e o aceiro na súa maior parte.

A Ponte de Rande pasa a ser a primeira de España dentro da súa tipoloxía e resiste comparacións con calquera viaduto da máis alta categoría. Forma parte da Autoestrada do Atlántico e ata o 2006 foi de peaxe.

Herdou o seu nome da batalla que alí tivo lugar hai xa máis de 300 anos.

Batalla de Rande

Entre a tarde e a noite do 23 de outubro de 1702, a baía de Vigo foi escenario dun dos combates marítimos máis feros da historia. A Batalla de Rande supuxo unha gran derrota sufrida polos partidarios de Felipe V, neto do poderoso rei de Francia Luís XIV, dentro do contexto da Guerra de Sucesión.

Aínda que o Imperio Español iniciara xa a súa decadencia, as súas inmensas posesións eran cobizadas por todos aqueles países que ambicionaban o dominio na política internacional. Por aquel entón, o Imperio Español monopolizaba o comercio con América: as carreiras das Indias. A Frota da Prata halara o ferro o 24 de xullo da Habana ao mando de Manuel de Velasco, cun dos maiores cargamentos de prata e outras ricas mercadorías xamais transportadas. Á altura das Azores a frota, acompañada pola escuadra francesa, dirixida polo marqués de Châteaurenault, reciben a noticia do ataque a Cádiz, o seu porto de destino, polo que optan por un caladoiro máis seguro para a descarga: a Ría de Vigo.

Logo da sinatura en 1702 do pacto de alianza entre Austria, Inglaterra e Holanda, parte de Inglaterra unha grande frota coa intención de ocupar o máis importante enclave estratéxico do Mediterráneo: Cádiz. A frota está dirixida polo almirante Sir George Rooke, mentres que as operacións terrestres desa campaña dirixíaas o Duque de Ormonde. A tenaz resistencia da cidade de Cádiz fai desistir aos mandos da frota anglo-holandesa e Rooke reembarca as súas tropas cun profundo sentimento de derrota. Preto xa da Ría de Vigo, un navío procedente de Portugal infórmaos da presencia da Frota da Prata na nosa baía e deciden mudar de rumbo coa idea de que tal vez non todo estivese perdido.

O 23 de outubro, contra as dez da mañá, o Duque de Ormonde desembarca en Teis con 2.000 homes, e Churchill fai o mesmo en Domaio co obxectivo de atacar os fortes de Corbeiro e Rande, ante os ollos das mal preparadas milicias civís, as únicas tropas dispoñíbeis en Galicia, xa que os terzos combatían en Italia. As escuadras da Alianza irrompen na enseada aproveitando o vento de popa, o Torbay rachou coa barreira e pouco despois entrarían o resto dos buques sementando o terror entre franceses e españois. O Marqués de Châteaurenault resiste o máximo, e ante a imposibilidade de manobra ordena incendiar a frota para evitar que caia nas mans do inimigo.

Dende entón 23 buques xacen no fondo da enseada.

Centro de Interpretación de Rande

O Centro de Interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, ten como misión sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só artística, senón tamén, socio-cultural e paixasística da zona; e ante todo a necesidade da súa posta en valor.

Obteña máis información seguíndonos nas redes sociais:

 

    

 

 

 Voltar ao Menú